Voo 214 de Asiana Airlines
Voo 214 de Asiana Airlines | |
---|---|
O Boeing 777-200ER implicado no accidente.
| |
Resumo | |
Data | 6 de xullo de 2013 |
Causa | Impacto contra un dique situado ao comezo da pista durante a aterraxe |
Lugar | Aeroporto de San Francisco |
Coordenadas | |
Orixe | Aeroporto de Incheon, Seúl |
Destino | Aeroporto Internacional de San Francisco, San Francisco |
Finados | 3 |
Feridos | 181 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 777-200ER |
Operador | Asiana Airlines |
Rexistro | HL7742 |
Pasaxeiros | 291 |
Tripulación | 16 |
Superviventes | 304 |
O voo 214 de Asiana Airlines era un voo de pasaxeiros transpacífico entre o Aeroporto Internacional de Incheon, preto de Seúl, e o Aeroporto Internacional de San Francisco. Na mañá do sábado 6 de xullo de 2013, o Boeing 777-200ER que realizaba o voo estrelouse na aproximación final a San Francisco. Das 307 persoas a bordo, dous pasaxeiros morreron no lugar do accidente (un tras ser atropelado por un vehículo do aeroporto), e un terceiro morreu no hospital varios días despois. Outros 181 sufriron feridas, 12 deles críticas. Entre os feridos había tres asistentes de voo que caeron á pista abrochados aos seus asentos cando a sección de cola rompeu tras golpear co inicio da pista. Foi o primeiro accidente dun Boeing 777 con mortos tras a súa entrada en servizo en 1995.
Avión
[editar | editar a fonte]O Boeing 777-200ER, con rexistro HL7742,[1] estaba impulsado por dous motores Pratt and Whitney PW4090.[2] Foi entregado novo a Asiana Airlines en marzo do ano 2006 e no momento do accidente acumulara 36.000 horas de voo e 5.000 ciclos.
O Boeing 777 tiña unha boa reputación de seguridade. Este foi o seu segundo accidente (tras o voo 38 de British Airways), o primeiro con vítimas mortais, e a terceira perda de casco dende que o modelo comezou a operar comercialmente no ano 1995.[3]
Accidente
[editar | editar a fonte]O 6 de xullo de 2013 o voo OZ214 engalou no Aeroporto Internacional de Incheon (ICN) ás 5:04 pm KST (08:04 UTC), 34 minutos despois da hora programada. Agardábase que aterrase no Aeroporto Internacional de San Francisco (SFO) ás 11:04 am PDT (18:04 UTC).[4]
O voo foi autorizado para unha aproximación visual á pista 28L ás 11:21 am PDT, e se lle dixo que mantivese unha velocidade de 180 nós (330 km/h) ata que estivese a 5 millas (8 km) da pista. Ás 11:26 am, Northern California TRACON pasou o control de tráfico aéreo á torre de San Francisco. Un controlador da torre recoñeceu a segunda chamada da tripulación ás 11:27 am, cando o avión estaba a 1,5 millas (2,4 km) de distancia, e deulle autorización para aterrar.[5]
A meteoroloxía era moi boa; o último informe METAR indicaba vento lixeiro, 10 millas (16 km) de visibilidade (o máximo que pode indicar), ningunha precipitación, e sen previsións de cizalladuras de vento. Os pilotos realizaron unha aproximación visual[6] asistidos polo indicador de traxectoria de aproximación de precisión (PAPI polas súas siglas en inglés).[7]
Ás 11:28 am, o HL7742 chocou por debaixo do limiar da pista 28L. O tren de aterraxe e despois a cola golpearon o dique que se proxectaba cara a baía de San Francisco.[7][8][9] Ámbolos dous motores e a sección de cola separáronse do avión.[10] A NTSB destacou que o tren de aterraxe principal, a primeira parte en golpear o dique, "separouse limpamente do avión segundo o deseñado".[11][12] O estabilizador vertical e os dous horizontais caíron á pista antes do limiar.[13]
O resto da fuselaxe e as ás xiraron no sentido contrario ás agullas do reloxo uns 330 graos ao deslizarse cara ao oeste. Os vídeos amosan o avión pivotando sobre a á e o nariz mentres se inclinaba bruscamente cara ao chan. Foi descansar á esquerda da pista, a 730 metros do punto de impacto inicial no dique.[14]
Despois de aproximadamente un minuto, comezou a saír unha escura columna de fume dos restos. O lume debeuse á rotura dun tanque de aceite enriba do motor dereito. O aceite caeu no motor quente e incendiouse.[15] O lume non foi alimentado polo combustible.[11][12]
Despregáronse dúas ramplas de evacuación no lado esquerdo do avión que se usaron para que os pasaxeiros abandonasen o aparello.[10][16] A pesar dos danos no avión, "moitos ... foron capaces de saír pola súa conta".[17] As ramplas da primeira e segunda porta da dereita do aparello (portas 1R e 2R) despregáronse dentro do avión, atrapando aos asistentes de voo colocado preto delas.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ FlightAware (ed.). "Asiana 214 (AAR214) Crashes at SFO - Boeing 777 - Two Fatalities, Dozens Injured". Consultado o 9 de decembro de 2014.
- ↑ Hartford Courant (ed.). "ratt & Whitney Sends Team To Asiana Crash Investigation". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2014. Consultado o 9 de decembro de 2014.
- ↑ Aviation Week (ed.). "NTSB Investigates Asiana 777 Accident In San Francisco". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2014. Consultado o 9 de decembro de 2014.
- ↑ FlightAware. "HL-7742 – 06-Jul-2013 – RKSI / ICN – KSFO". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ 5,0 5,1 "NTSB Press Briefing (no. 4)". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ "NTSB Press Briefing (no. 1)". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ 7,0 7,1 The Aviation Herald (ed.). "Accident: Asiana B772 at San Francisco on Jul 6th 2013, touched down short of the runway, broke up and burst into flames". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ NBC (ed.). "Boeing 777 crashes while landing at San Francisco airport". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ The New York Times (ed.). "2 Die and Many Are Hurt as Plane Crashes in San Francisco". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ 10,0 10,1 BBC (ed.). "Boeing 777 plane crash-lands at San Francisco airport". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ 11,0 11,1 "NTSB Press Briefing (no. 5)". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ 12,0 12,1 Air Transport World (ed.). "NTSB completes work at Asiana 777 crash site; no systems anomalies found". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ CNN (ed.). "What happened with Asiana Flight 214?". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ Aviation Safety Network (ed.). "Descrición do accidente". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ "NTSB Press Briefing (no. 3)". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ CNN (ed.). "NTSB: Asiana jet pilot was halfway through training to fly Boeing 777". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.
- ↑ The New York Times (ed.). "Terror on Jet: Seeing Water, Not Runway". Consultado o 21 de xaneiro de 2017.